O pasado sábado 26, actuamos coa comedia “A rúa do inferno” na vila de Cedeira. Estupendo día de sol. O Auditorio ten unha capacidade dunhas 250 persoas. Un teatro moi riquiño e bastante ben dotado tecnicamente.
Acudiron unhas 120 persoas. Na entrada, una parella xa entradiña en anos, dubida. A entrada custaba dous euros con cincuenta. O home quere ir ao bar a ver o partido. A muller quéixase de que nunca vai con ela a nada disto. Eu dígolle ao home que entre e que, se non rí, devólvolle os cartos. O home entra. Ao rematar a obra, dende o palco de arriba, na zona técnica, antes de que marche, chamo ao señor: oia, oia! Que! Riu? Ou non riu? Devólvolle os cartos? E o home, cun enorme sorriso nos beizos, dime que o pasou moi ben. A señora, tamén encantada, mira cara a min e eu, levantando unha man cun dedo e a outra có puño dígolle: Señora, Teatro: 1, fútbol: 0.
Unha estupenda experiencia... por poder comer marraxo por primeira vez na miña vida, delicioso, aínda que un pouco caro o sitio; e moi fluída e sinxela a comunicación con Kike, o técnico do teatro, que tamén forma parte dun dos grupos de Teatro Amador mais recoñecidos en Galicia: “O aturuxo de Melpómene” que gañaron certames por Galiza adiante coa súa obra “Comendo pementos de Padrón con Tarantino”. Esta é unha asociación teatral formada sobre todo por alumnos e alumnas que saen da escola de teatro de Narón. Trátase de xente con formación teatral que dende esta asociación pretenden gañar experiencia e seguir a formarse. Eles mesmos din que “O aturuxo…” é unha especie de ponte entre a escola e a profesionalidade.
Da representación por parte das rapazas, dicir que se nota que van gañando en soltura e que xa están afeitas á obra, aínda que tan só fixemos 7 actuacións polo de agora, e que estiveron estupendas, e mellor que van estar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Estaremos encantados de recibir os teus comentarios (na lingua que prefiras) sempre e cando sexan constructivos e respetuosos. Graciñas.